PRINCIPIOS FUNDACIONAIS DE ALANTRE

En ALANTRE compartimos unha visión de facer política baseada na honestidade, a transparencia, a apertura, a pluralidade e a vocación de servizo público, e avogamos por unha organización e funcionamento profundamente democráticos e descentralizados como herdanza da tradición concexil da nosa terra. A sociedade leonesa deu pasos de certa envergadura para avanzar cara a un novo estadio político no que as reclamacións da cidadanía sexan por fin atendidas. A esquerda leonesa non pode ser allea ao cambio de paradigma que tivo lugar recentemente no noso territorio. É a nosa misión servir de altofalante para levar a cabo os cambios que a nosa sociedade precisa co fin de facela máis libre, xusta, participativa e solidaria. Aspiramos a ser unha ferramenta de cambio a través dun labor que se efectúe de abaixo cara a arriba, poñendo énfase nas reivindicacións da maioría social para ser partícipes dun proceso democrático que dea visibilidade ao País Leonés e ás súas especificidades socioeconómicas. ALANTRE como organización pretende crear un espazo de participación política co obxectivo de que prospere un movemento social de progreso, unha esquerda renovada e renovadora.

  1. Autogoberno e Federalismo. En ALANTRE traballamos para que o recoñecemento do País Leonés como suxeito político sexa unha realidade. En igualdade de condicións con outros territorios, desexamos que a ansiada autonomía política sexa un feito para poder así xestionar os servizos e recursos propios asignados no ámbito das competencias autonómicas e proporcionar un medio de autoxestión. Para acadar a nosa meta utilizaremos todos os resortes ao noso alcance para que toda a cidadanía leonesa vexa nas súas institucións unha capacidade transformadora que permita cambiar a dinámica social e económica do noso país, sen esquecer as relacións de veciñanza co resto de pobos ibéricos, tecendo lazos económicos, laborais e afectivos con outros territorios desde unha perspectiva internacionalista e solidaria. Ao mesmo tempo, debemos afrontar os retos da crise da globalización, defender os dereitos sociais e laborais, así como acadar presenza e capacidade de presión no conxunto do Estado e ante a Unión Europea á hora de camiñar cara a un modelo federal que profundice na democracia real.

  2. Fiscalidade progresiva e diferenciada. Avogamos por aplicar medidas redistributivas en materia fiscal co fin de corrixir a crecente fenda existente entre clases sociais, mellorar o reparto da riqueza, incidir na excesiva acumulación da mesma nun reducido número de persoas e cambiar as políticas económicas que non abordaron os elementos de fondo destes desequilibrios. Desde ALANTRE plantexamos e reivindicamos unha reforma radical do sistema tributario co fin de rematar cos privilexios fiscais dunha minoría, defendendo que sen igualdade real non hai un modelo sostible. Apostamos así mesmo por aplicar unha fiscalidade diferenciada en favor do medio rural co obxectivo de contribuír a fixar poboación e reducir os desequilibrios respecto ao medio urbano. En definitiva, a xustiza social debe ser o eixo da nosa acción política.

  3. Defensa dos Servizos Públicos. Ante a ofensiva lanzada polo neoliberalismo, os membros de ALANTRE posicionámonos a favor dunha educación e sanidade públicas de calidade, prestando unha atención particular á saúde mental e ás enfermidades raras, co fin de mellorar os estándares existentes ata o momento. Así mesmo, defendemos un sistema público de pensións que asegure o poder adquisitivo de todas as persoas xubiladas e uns servizos públicos que garantan dereitos constitucionais como a vivenda e o acceso aos subministracións enerxéticos para toda a poboación. Non queremos unha sociedade onde o beneficio empresarial ou o lucro privado estean por enriba do benestar das persoas. O progresismo transformador que representa ALANTRE pretende conxugar os dereitos dos individuos e os dereitos económicos para crear unha sociedade máis xusta e cohesionada na que todos os cidadáns que viven nela teñan as mesmas opcións de acceder aos servizos que garantan a súa calidade de vida e igualdade de oportunidades.

  4. Transparencia, democracia directa. Defendemos a transparencia e impulsaremos a participación cidadá en todo ámbito da vida política, fomentando un achegamento do pobo aos seus órganos de goberno. En ALANTRE consideramos que a participación e a transparencia son panca imprescindibles para levar a cabo este proceso de transformación social. Recoñecemos ao Consello como elemento primario de participación democrática, por iso as nosas liñas de actuación serán tomadas no consello correspondente.

  5. Ecoloxismo. Desde ALANTRE plantexamos unha política que permita o desenvolvemento agrícola e gandeiro, así como unha ordenación do territorio urbano e rural que sexa compatible e respectuosa coa biodiversidade do entorno. Por esta razón, aspiramos a protexer e poñer en valor o patrimonio dos espazos naturais, tendo en conta que estes últimos representan ademais un reclamo para impulsar novos nichos de desenvolvemento económico. A situación de emerxencia climática que vivimos está provocando cambios irreversibles nos ecosistemas de fatais consecuencias, a cal nos obriga como sociedade a ofrecer unha resposta firme que implique o conxunto de políticas públicas enerxéticas, ambientais, de sustentabilidade, de saúde pública, económicas, de benestar e calidade de vida. Só así poderemos avanzar cara a un modelo produtivo sostible e de consumo responsable que garanta as necesidades das xeracións futuras.

  6. Igualdade de oportunidades. Entendemos que a todas as persoas do País Leonés lles asisten os mesmos dereitos e obrigas, independentemente da súa ideoloxía política, orientación afectivo-sexual, crenzas relixiosas, identidade de xénero, procedencia social, medio no que viva… Por iso, ALANTRE comprométese a garantir igualdade de oportunidades a toda a cidadanía para que poida desenvolver todo o seu potencial e exercer plenamente as súas liberdades persoais.

  7. Feminismo. En ALANTRE entendemos os feminismos como unha práctica e loita por acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes en todos os ámbitos da vida colectiva. Perseguimos reverter unha situación de opresión histórica do home sobre a muller, só polo feito de ser muller. Esta dinámica de subordinación exprésase a través de diferentes formas de explotación, desigualdade e violencia específicas. Como organización faremos fronte ás estruturas sociais, culturais, políticas e económicas que posibilitan e estimulan unha desigualdade pola cal as mulleres están ubicadas nunha posición subordinada. É por iso que en ALANTRE consideramos á muller, como persoa que é, suxeito activo na transformación do conxunto da sociedade, e sempre en igualdade de condicións respecto ao home.

  8. LGTBI+. En ALANTRE reivindicamos os dereitos do colectivo LGTBI+ e comprometémonos a denunciar calquera expresión homófoba e transfóbica, así como a traballar por acadar unha sociedade na que todas as persoas poidan vivir en liberdade e na que a identidade de cada persoa e a súa orientación sexual non sexan motivo de exclusión nin discriminación.

  9. Dereitos sociais. En ALANTRE somos firmes defensores dun sistema público de protección social que garanta a toda a cidadanía unhas condicións de vida dignas. Isto só é posible se os traballadores contan con ingresos suficientes que lles permita satisfacer as súas necesidades básicas. Tales ingresos quedarán asegurados coa implantación da Renda Básica Universal, renda que ALANTRE defenderá e promoverá. Pero tamén son necesidades básicas a conciliación familiar e o coidado dos nosos maiores, por iso ALANTRE traballará para regulación do teletraballo en todos os Convenios Colectivos ou calquera outra medida que permita compaxinar tempo de familia e traballo. Do mesmo xeito, o sistema público de protección ha de prover ás persoas dependentes dos coidados que precisen e que a lei lles recoñece como dereito subxectivo. Os nosos maiores teñen dereitos e buscaremos cambiar o sistema para colocar o dereito nos nosos maiores e non nos fillos. Debemos garantir un sistema de coidado de calidade que lles permita elixir onde vivir con calidade e dignidade. Por iso desde ALANTRE fomentamos o desenvolvemento laboral co coidado á terceira idade, a asistencia a domicilio, teleasistencia e rexeitamos o incremento neoliberal dos asilos, onde se produce un certo maltrato aos nosos maiores non por parte dos traballadores senón do sistema capitalista que avoga por reducir custos, explotar ao traballador e repercute que os nosos maiores non teñan o tempo necesario para satisfacer os seus coidados físicos e mentais. Así mesmo, traballaremos para que as paisanas e paisanos con calquera tipo de diversidade funcional conten cos servizos e recursos públicos suficientes que lles garanta unha cota adecuada de calidade de vida.

  10. Linguas leonesas. ALANTRE promoverá que o leonés e o galego teñan un estatus legal que garanta o seu ensino e aprendizaxe entre toda a cidadanía leonesa, sexan utilizados polas diferentes administracións e teñan a visibilidade e consideración que mere